Seguimos repasando os números naturais e os números romanos, sobre todo as divisións de tres cifras. Así practicamos o cálculo e imos fortalecendo a nosa capacidade de resolver problemas.
En Lingua, aprendemos os elementos da comunicación. Isto axúdanos a entender mellor como se transmite a información e a comunicarnos con claridade as nosas ideas. Tamén nos aproximamos ó adxectivo a través da canción de Berrogüeto “Xente”.
En Ciencias, comezamos un novo tema sobre o universo. Tamén estamos aprendendo a facer esquemas para resumir o que lemos e entendemos, o que nos fai máis organizados e creativos á hora de aprender.
Tamén, tivemos ocasión de escoitar as exposicións dos nosos compañeiros, unha actividade que nos axuda a gañar confianza e a poñernos na palestra como oradores:
• Martina contounos cousas curiosas sobre os gatos ao longo da historia.
• Fabio explicou datos interesantes sobre España.
• Marco contou como un xogador de fútbol lle enviou unha camiseta asinada e unha carta, animándonos a que tamén nós podemos intentar contactar coas persoas que admiramos.
• Amar compartiu a súa viaxe a País Vasco e todas as cuestións culturais, ecolóxicas e lingüísticas propias do territorio. Tamén nos ensinou fotos moi interesantes de Bilbao e a contorna.
Na hora de lectura, empezamos os nosos libros: lemos o primeiro capítulo en voz alta, reflexionamos sobre o que pasou e compartimos as nosas opinións. Analizamos a capa do libro, as persoas que participan na súa elaboración, etc. Ademais, traballamos vocabulario e resumo, mellorando a nosa comprensión e expresión.
Ademais, asistimos e participamos do pleno do Consello da Infancia, onde compartimos as nosas propostas para mellorar o patio.
Por último, preparamos o podcast de recomendacións lectoras, unha actividade divertida que nos permite compartir os nosos libros favoritos e aprender uns doutros.








No hay comentarios:
Publicar un comentario