jueves, 30 de octubre de 2025

Reto de Samaín: Merenda terrorífica e saudable

 Reto de Samaín! O obxectivo era crear unha merenda terrorífica e saudable utilizando froitas de tempada.

Traballando en grupos, ideamos as nosas merendas: había que combinar pelo menos dúas froitas de tempada, darlle un nome creativo, presentala na aula e, por suposto, facer unha foto antes de disfrutar do resultado.

As ideas foron moi orixinais: monstruos de froitas, arañas de uva, morcegos de plátano… Cada grupo puxo imaxinación, cor e sabor nas súas creacións.

E, finalmente, chegou o mellor momento: merendar todos xuntos e gozar das nosas creacións saudables e terroríficas. Foi unha actividade que combinou creatividade, traballo en equipo e diversión, aprendendo ao mesmo tempo sobre as froitas de tempada e hábitos saudables.




























domingo, 26 de octubre de 2025

Esta semana na aula…

Seguimos repasando os números naturais e os números romanos, sobre todo as divisións de tres cifras. Así practicamos o cálculo e imos fortalecendo a nosa capacidade de resolver problemas.

En Lingua, aprendemos os elementos da comunicación. Isto axúdanos a entender mellor como se transmite a información e a comunicarnos con claridade as nosas ideas. Tamén nos aproximamos ó adxectivo a través da canción de Berrogüeto “Xente”. 

En Ciencias, comezamos un novo tema sobre o universo. Tamén estamos aprendendo a facer esquemas para resumir o que lemos e entendemos, o que nos fai máis organizados e creativos á hora de aprender.

Tamén, tivemos ocasión de escoitar as exposicións dos nosos compañeiros, unha actividade que nos axuda a gañar confianza e a poñernos na palestra como oradores:

Martina contounos cousas curiosas sobre os gatos ao longo da historia.

Fabio explicou datos interesantes sobre España.

Marco contou como un xogador de fútbol lle enviou unha camiseta asinada e unha carta, animándonos a que tamén nós podemos intentar contactar coas persoas que admiramos.

Amar compartiu a súa viaxe a País Vasco e todas as cuestións culturais, ecolóxicas e lingüísticas propias do territorio. Tamén nos ensinou fotos moi interesantes de Bilbao e a contorna.

Na hora de lectura, empezamos os nosos libros: lemos o primeiro capítulo en voz alta, reflexionamos sobre o que pasou e compartimos as nosas opinións. Analizamos a capa do libro, as persoas que participan na súa elaboración, etc. Ademais, traballamos vocabulario e resumo, mellorando a nosa comprensión e expresión.

Ademais, asistimos e participamos do pleno do Consello da Infancia, onde compartimos as nosas propostas para mellorar o patio.

Por último, preparamos o podcast de recomendacións lectoras, unha actividade divertida que nos permite compartir os nosos libros favoritos e aprender uns doutros.










sábado, 18 de octubre de 2025

Tarefa STEAM: “Deseñamos solucións ante catástrofes naturais”

 Nesta tarefa aplicamos a metodoloxía Design Thinking para desenvolver a empatía, a creatividade e a innovación fronte aos efectos das catástrofes naturais.

  1. Empatizar:
    Comezamos cunha lectura compartida sobre unha familia que o perde todo tras a erupción dun volcán. A partir dela elaboramos un mapa da empatía para comprender como se senten, que pensan, que necesitan e que temen as persoas que viven unha situación así.
  2. Definir:
    Utilizamos a técnica da árbore dos problemas para analizar as causas e consecuencias da catástrofe e definir con claridade os retos aos que se enfrontan as vítimas.
  3. Idear:
    Pensamos en diferentes catástrofes naturais (inundacións, incendios, terremotos, etc.) e reflexionamos sobre posibles solucións para previr, actuar ou reconstruír despois do desastre.
  4. Crear e comunicar (stop motion):
    Co obxectivo de xerar empatía noutras persoas, creamos a nosa propia historia inspirada nunha catástrofe natural.
    • Elaboramos un guión e un storyboard.
    • Gravamos un vídeo en stop motion, ao que engadimos voz, efectos de son e música para reforzar a mensaxe.
  5. Prototipar: Despois do visionado e da reflexión, realizamos un brainstorming (choiva de ideas) para idear un ecoinvento, é dicir, unha proposta innovadora, sostible e útil que axude a mellorar a vida das persoas ou a protexer o medio ambiente ante este tipo de fenómenos.
  6. Compartir:
    Finalmente, presentamos os nosos stop motion e ecoinventos ao resto do grupo, explicando o proceso seguido e como a nosa proposta contribúe a construír un mundo máis seguro e solidario.

https://youtu.be/k0KezmlCDfI?feature=shared