viernes, 14 de noviembre de 2025

Gozamos cunha visita moi especial!

 Esta mañá tivemos a sorte de contar con Iago, o pai de Gael, que veu ao noso centro para falarnos do fascinante mundo do marketing nas empresas. A súa explicación foi sinxela, clara e chea de exemplos que nos axudaron a entender conceptos que vemos a diario.

Iago explicounos a importancia de crear unha marca, de definir quen somos e que queremos transmitir. Falounos tamén da visión e da misión dunha empresa:

  • A misión é aquilo que a empresa fai cada día, o seu propósito presente.
  • A visión é cara onde quere chegar no futuro, o soño que guía todos os seus pasos.

Grazas a isto, comprendemos mellor como se constrúe unha identidade forte e coherente.

Ademais, aprendemos o valor do storytelling, esa maneira de contar historias que conecta coas emocións das persoas. Para poñelo en práctica, creamos os nosos propios storytelling para vender unhas pulseiras, imaxinando personaxes, situacións e mensaxes que fixesen o produto máis atractivo.

Por último, descubrimos como funciona a publicidade e de que xeitos as empresas poden chamar a atención dun modo creativo e responsable.

Foi unha sesión moi enriquecedora, na que puidemos facer preguntas, compartir ideas e vivir de primeira man como funciona o marketing.

Moitas grazas, Iago, por compartir connosco o teu tempo e o teu coñecemento!







jueves, 13 de noviembre de 2025

Hoxe Falo Eu: seguimos aprendendo a comunicar

 Hoxe continuamos co noso momento de Hoxe Falo Eu, un espazo no que cada alumno e alumna ten a oportunidade de compartir algo que lle interesa e practicar a súa expresión oral.

Nesta sesión, Pelayo contounos a súa experiencia nunha viaxe a Nova York, Fabio falou sobre España, David explicounos curiosidades sobre os Lakers e Izan compartiu a súa paixón polo skate.

Os que falan aprenden oratoria, traballando a organización das ideas, a expresión clara e a seguridade ao comunicarse. Mentres, o resto da clase practica algo igual de importante: escoitar con atención e facer boas preguntas, mostrando interese e respecto polo que contan os compañeiros.

Un momento sinxelo pero cheo de aprendizaxes reais para o día a día.







miércoles, 12 de noviembre de 2025

Club de lectura

 A nosa hora de ler converteuse nun dos momentos máis especiais do día. Seguimos avanzando cos nosos libros, que xa nos teñen completamente enganchados. Hoxe continuamos coa lectura en voz alta, compartindo capítulos, pausando para comentar o que sucede e descubrindo novo vocabulario que nos axuda a entender mellor a historia.

Xa imos polo capítulo 5!!! O ambiente que se crea lembra ao dun club de lectura: todos opinamos, debatimos, relacionamos o que pasa cos personaxes e mesmo facemos predicións sobre o que pode ocorrer nos seguintes capítulos.

É unha marabilla ver como a lectura se converte nun espazo de conversa, reflexión e gozo compartido.






lunes, 10 de noviembre de 2025

Magosto 2025

Festexamos o Magosto, unha das tradicións máis bonitas do outono. Foi unha xornada completa, chea de sabor, música e convivencia.

Comemos castañas deliciosas, que foron asadas co cariño das familias, ás que lles agradecemos moito a súa colaboración. Estaban no seu punto e souberon a festa e tradición.

Despois gozamos dunha chea de xogos tradicionais: saltamos á corda, xogamos ao pañuelo, fixemos carreiras de sacos e moito máis. Risas, equipo e bo ambiente en cada partida.

A música tampouco faltou: bailamos e gozamos cos músicos, que puxeron ritmo e alegría á mañá. Foi un momento cheo de enerxía onde todos participamos.

Un día perfecto para convivir, aprender e celebrar as nosas tradicións dun xeito especial.











martes, 4 de noviembre de 2025

Unha historia que cambia vidas: coñecemos a Ousman Umar

Asistimos ao teatro para seguir descubrindo a impresionante historia de Ousman Umar, recollida na obra “Unha historia que cambia vidas”. A súa vida é unha mostra de superación, forza e compromiso cun mundo máis xusto.

Ousman contou como, tras chegar a Barcelona e empezar unha nova vida, decidiu crear a súa propia empresa chamada NascoTech. A súa idea é clara e poderosa: o importante non é levar comida a África, senón levar coñecemento.

Segundo el, o verdadeiro cambio prodúcese cando as persoas teñen educación, formación e oportunidades para construír o seu propio futuro. Por iso, NascoTech traballa para achegar tecnoloxía e aprendizaxe ás comunidades africanas, ofrecendo ferramentas que lles permitan avanzar e transformar as súas vidas.

Esta mensaxe fíxonos reflexionar moito: axudar tamén é compartir saberes, abrir portas e confiar no potencial das persoas.

Unha experiencia que, sen dúbida, nos deixou pensando e aprendendo.










jueves, 30 de octubre de 2025

Reto de Samaín: Merenda terrorífica e saudable

 Reto de Samaín! O obxectivo era crear unha merenda terrorífica e saudable utilizando froitas de tempada.

Traballando en grupos, ideamos as nosas merendas: había que combinar pelo menos dúas froitas de tempada, darlle un nome creativo, presentala na aula e, por suposto, facer unha foto antes de disfrutar do resultado.

As ideas foron moi orixinais: monstruos de froitas, arañas de uva, morcegos de plátano… Cada grupo puxo imaxinación, cor e sabor nas súas creacións.

E, finalmente, chegou o mellor momento: merendar todos xuntos e gozar das nosas creacións saudables e terroríficas. Foi unha actividade que combinou creatividade, traballo en equipo e diversión, aprendendo ao mesmo tempo sobre as froitas de tempada e hábitos saudables.