domingo, 26 de octubre de 2025

Esta semana na aula…

Seguimos repasando os números naturais e os números romanos, sobre todo as divisións de tres cifras. Así practicamos o cálculo e imos fortalecendo a nosa capacidade de resolver problemas.

En Lingua, aprendemos os elementos da comunicación. Isto axúdanos a entender mellor como se transmite a información e a comunicarnos con claridade as nosas ideas. Tamén nos aproximamos ó adxectivo a través da canción de Berrogüeto “Xente”. 

En Ciencias, comezamos un novo tema sobre o universo. Tamén estamos aprendendo a facer esquemas para resumir o que lemos e entendemos, o que nos fai máis organizados e creativos á hora de aprender.

Tamén, tivemos ocasión de escoitar as exposicións dos nosos compañeiros, unha actividade que nos axuda a gañar confianza e a poñernos na palestra como oradores:

Martina contounos cousas curiosas sobre os gatos ao longo da historia.

Fabio explicou datos interesantes sobre España.

Marco contou como un xogador de fútbol lle enviou unha camiseta asinada e unha carta, animándonos a que tamén nós podemos intentar contactar coas persoas que admiramos.

Amar compartiu a súa viaxe a País Vasco e todas as cuestións culturais, ecolóxicas e lingüísticas propias do territorio. Tamén nos ensinou fotos moi interesantes de Bilbao e a contorna.

Na hora de lectura, empezamos os nosos libros: lemos o primeiro capítulo en voz alta, reflexionamos sobre o que pasou e compartimos as nosas opinións. Analizamos a capa do libro, as persoas que participan na súa elaboración, etc. Ademais, traballamos vocabulario e resumo, mellorando a nosa comprensión e expresión.

Ademais, asistimos e participamos do pleno do Consello da Infancia, onde compartimos as nosas propostas para mellorar o patio.

Por último, preparamos o podcast de recomendacións lectoras, unha actividade divertida que nos permite compartir os nosos libros favoritos e aprender uns doutros.










sábado, 18 de octubre de 2025

Tarefa STEAM: “Deseñamos solucións ante catástrofes naturais”

 Nesta tarefa aplicamos a metodoloxía Design Thinking para desenvolver a empatía, a creatividade e a innovación fronte aos efectos das catástrofes naturais.

  1. Empatizar:
    Comezamos cunha lectura compartida sobre unha familia que o perde todo tras a erupción dun volcán. A partir dela elaboramos un mapa da empatía para comprender como se senten, que pensan, que necesitan e que temen as persoas que viven unha situación así.
  2. Definir:
    Utilizamos a técnica da árbore dos problemas para analizar as causas e consecuencias da catástrofe e definir con claridade os retos aos que se enfrontan as vítimas.
  3. Idear:
    Pensamos en diferentes catástrofes naturais (inundacións, incendios, terremotos, etc.) e reflexionamos sobre posibles solucións para previr, actuar ou reconstruír despois do desastre.
  4. Crear e comunicar (stop motion):
    Co obxectivo de xerar empatía noutras persoas, creamos a nosa propia historia inspirada nunha catástrofe natural.
    • Elaboramos un guión e un storyboard.
    • Gravamos un vídeo en stop motion, ao que engadimos voz, efectos de son e música para reforzar a mensaxe.
  5. Prototipar: Despois do visionado e da reflexión, realizamos un brainstorming (choiva de ideas) para idear un ecoinvento, é dicir, unha proposta innovadora, sostible e útil que axude a mellorar a vida das persoas ou a protexer o medio ambiente ante este tipo de fenómenos.
  6. Compartir:
    Finalmente, presentamos os nosos stop motion e ecoinventos ao resto do grupo, explicando o proceso seguido e como a nosa proposta contribúe a construír un mundo máis seguro e solidario.

https://youtu.be/k0KezmlCDfI?feature=shared


























Aprender a aprender coas teorías do universo

 Esta semana nos adentramos no apaixonante mundo das teorías do universo a través dunha dinámica de grupo de expertos. Cada alumno e alumna converteuse en especialista dunha teoría concreta, co reto de ler, resumir, subliñar as ideas principais e elaborar un esquema para explicarlle despois o contido ao resto da clase.

O obxectivo ía máis alá de coñecer as distintas teorías sobre a orixe do universo: queriamos aprender a aprender. Como di Héctor Ruiz, aprender a aprender “non consiste en aplicar técnicas ou trucos para memorizar mellor, senón en comprender como funciona o noso aprendizaxe para regulalo de maneira eficaz”. A actividade permitiulles poñer en práctica estratexias de comprensión, selección e organización da información, nun contexto motivador e significativo.

Para pechar a experiencia e fomentar a metacognición, cada alumno realizou individualmente unha rutina de pensamento na que reflexionou sobre o seu propio proceso de aprendizaxe:

  1. Unha cousa que aprendín hoxe foi…
  2. Algo que me resultou difícil, pero que conseguín superar, foi…
  3. Unha idea que agora vexo máis clara é…
  4. A próxima vez que lea e explique un texto complexo, farei…
  5. Unha palabra que resuma o meu aprendizaxe de hoxe…

Estas respostas serviron para tomar conciencia dos avances e dificultades, e para planificar mellor como afrontar futuras tarefas de lectura e explicación de textos complexos. En definitiva, un exercicio que une coñecemento, reflexión e autonomía: os ingredientes esenciais de aprender a aprender.












viernes, 10 de octubre de 2025

Estacións matemáticas: aprendendo xogando cos números naturais

 Hoxe na aula fixemos estacións de matemáticas para repasar os números naturais dun xeito divertido e manipulativo. A idea era que o alumnado se movese por diferentes propostas, todas centradas no cálculo, na lóxica e na comprensión dos números.

Nunha das estacións tiñan que construír unha torre, resolvendo operacións (restas, multiplicacións,divisións e combinadas) para poder avanzar e intentar reproducir o modelo do debuxo. Ademais de practicar o cálculo, traballaron a planificación e a comprobación dos resultados.

Noutra estación tocaba descubrir o número agochado a partir da súa descomposición: por exemplo, “tres centenas, vinte e cinco decenas e tres unidades”. Desta forma reforzaron o valor posicional das cifras e a estrutura do número.

Tamén houbo unha estación de lóxica con pauciños, na que tiñan que movelos ou quitalos para acertar, e a última estación foi tipo puzzle de operacións combinadas e descomposicións.

Estas propostas permiten aprender a través do xogo, da manipulación e da colaboración. O alumnado participa de maneira activa, pensa, razoa e comparte estratexias cos compañeiros, reforzando tanto o sentido numérico como o traballo cooperativo. Ademais, o formato por estacións facilita que cada neno e nena avance ao seu ritmo, respectando os diferentes niveis de aprendizaxe e fomentando a inclusión.